Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1086
Clasificación Genérica Cerámica
Objeto/Documento Xerra
Autor/a Taller de Talavera
Título Xerra de pico con escudos
Materia/Soporte Cerámica vidrada
Técnica Modelado a torno
Vidrado estannífero
Dimensiones Diámetro máximo = 19 cm; Alto máx = 34,50 cm
Descripción Xerra de pico vertedoiro decorada na panza en azul de cobalto con escudo das Comendadoras da Orde de Santiago de Toledo, consistente en coroa real no alto, anagrama de María no centro e tres frechas en "V" na parte inferior, todo iso rodeado de rocalla e sobre o escudo outra coroa real. Unha cruz de Santiago en amarelo alaranxado perfilada en azul decora a parte do pico. O corpo é globular, o colo troncocónico invertido e a boca lobulada, asa é a base de cordóns torsos á esquerda e pegada e fondo recto con pequeno repé. Toda a peza ten un acabado en vidrado estannífero en branco de moi boa calidade que non presenta ningún tipo de craquelado. Polo interior aprécianse os sucos propios das marcas do torno. Trátase dun exemplar pertencente á denominada serie branca con escudos realizada por encargo dalgunha orde relixiosa maioritariamente ou dalgunha outra institución que facía plasmar o seu escudo nas distintas pezas realizadas.
Iconografia Colo: Cruz de Santiago;
Panza: Heráldica;
Escudo coroado formado por roleos vexetais. No interior, anagrama coroado da Virxe María.
Datación 1676=1750
Contexto Cultural/Estilo Idade Moderna
Lugar de Producción/Ceca Toledo (Castela-A Mancha, España)
Uso/función Para conter e verter líquidos. Vinculada cunha institución relacionada coa peregrinación e co Camiño de Santiago que se plasma de maneira plástica na cruz de Santiago que figura na súa panza, principal insignia utilizada pola Orde de Cabalería e a súa versión feminina, as Comendadoras de Santiago.
Descriptores Geográficos Toledo
Lugar Específico/Yacimiento Convento de Santa Fe. Toledo
Clasificación Razonada Esta serie tería unha longa duración que iría entre principios do século XVII e o século XIX. A peza formaba parte das producións que as institucións relixiosas encargaban aos alfares talaveranos para o servizo do propio centro. Estas consistían, na maioría dos casos, en útiles de boa calidade que non estaban presentes na vida doméstica da maioría dos cidadáns. Trátase de producións que, sen posuíren o luxo das pezas singulares dotadas dun colorido a base de azuis, ocre e púrpura que outorgaban prestixio ao posuidor, dispoñen dunha calidade alta aínda que en branco e co
escudo ou distintivo do propio convento ou institución relixiosa. Os encargos destas producións que efectuaban os conventos ían dirixidos de maneira preferente a cubrir as necesidades da mesa, da cociña, do aseo e tamén das boticas coas que contaban en boa medida moitas institucións relixiosas. Destacan as xerras para conteren viño ou, no seu defecto, auga, sendo as máis habituais as de panza de tendencia troncocónica Hai que indicar que a crise que atravesan os territorios hispanos desde principios do século XVII tamén se aprecia na produción cerámica. Desaparecen os mecenas e as
clases máis podentes prefiren investir os seus aforros mercando vaixelas de prata para a mesa e para o uso cotián que adquirir cerámica, pola seguridade que lles ofrece o metal.
Por este motivo, os encargos efectuados aos obradoiros de alfarería proceden na maior parte de institucións eclesiásticas. Neste contexto é preciso incluír esta peza que sería, sen dúbida, un encargo realizado polas monxas Comendadoras de Santiago, asentadas en Toledo no Convento de Santa Fe, a algún obradoiro sen identificar de Talavera de la Reina entre finais do século XVII e o século XVIII.
A construción do convento da Santa Fe iniciaríase a partir de 1505. Ocuparía o solar no que se situou a capela fundada polos francos participantes na conquista da cidade apoiando a Afonso VI, de aí a dedicación á mártir gala tardorromana do ano 303, Santa Fe. As comendadoras ocuparían esta casa durante varios séculos albergando unha importante comunidade que, endebén, non sería allea aos problemas propios do século XIX marcados pola desamortización, a exclaustración e as distintas revolucións que caracterizan a centuria. Non obstante, e case sen persoal, ocuparían o mesmo solar ata que o goberno da Segunda República consegue que o adquirise o Banco de España.
Pasaría logo a titularidade das relixiosas da Sagrada Familia para converter o edificio en colexio. Con posterioridade (década dos setenta) o Estado faríase cargo do inmoble coa fin de proceder á ampliación do veciño Museo de Santa Cruz. Pola súa banda, a comunidade de comendadoras pasaría, a partir de 1935, a ocupar unha parte do antigo convento de Santo Domingo el Real da mesma cidade de Toledo.
A principal ocupación das Comendadoras de Santiago ía encamiñada ao rezo e ao canto do Oficio Divino. Tiñan que profesar os votos de pobreza, castidade e obediencia e dedicarse á caridade. Recibían unha completa formación de xeito que as propias monxas exercían logo de mestras, en boa medida, das fillas de moitos cabaleiros da Orde de Santiago que procuraban para elas unha formación esmerada. Moitas das que entraban como alumnas seguirían logo no convento ata se converteren en monxas.
Deste xeito, as monxas que integraban o continxente dos conventos de Comendadoras de Santiago acostumaban a proceder de familias de Cabaleiros da Orde, dun entorno xeográfico próximo. Pertencían en gran medida da nobreza ou das altas capas da
sociedade da época.
No convento da Santa Fe de Toledo había no ano 1627 un total de: 40 monxas, 5 sarxentas ou legas e 6 serventas. Nesa mesma época contaban as Comendadoras, ademais do de Toledo, cos seguintes establecementos: Sancti Spiritus en Salamanca, Madre de Deus en Granada, Santa Cruz en Valladolid e Santa Eulalia en Mérida.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 24/06/2011
Catalogación Pesquera Vaquero, Mª Isabel
| más imágenes |
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6